mar

La producción de mejillón gallego cae a mínimos del siglo: 177,6 millones de kilos en 2025, un 29% menos que en 2021

La produción de mexillón galega pechou 2025 coa cifra máis baixa de todo o século XXI: 177,6 millóns de quilos, un 29,2% menos que en 2021. O marisqueo a pé tampouco frea a súa caída e perde outros 128 postos de traballo, ata os 3.179 ocupados, o mínimo da serie histórica. Así o reflicte o capítulo dedicado á pesca no informe A economía galega 2025, elaborado polo Idega e consultado por Nós Diario.

Fotografía que ilustra la noticia: La producción de mejillón gallego cae a mínimos del siglo: 177,6 millones de kilos en 2025, un 29% menos que en 2021
(nosdiario.gal)

O mexillón, en mínimos históricos e cunha caída do 29% en catro anos

O sector do mexillón pechou 2025 cunha produción de 177,6 millóns de quilos, a cifra máis baixa do século XXI, segundo os datos da Xunta recollidos no informe A economía galega. Informe 2025, do Instituto de Estudos para o Desenvolvemento da Galiza (Idega). A cifra supón un descenso de décimas respecto ás dúas anualidades anteriores, que xa estaban en mínimos, pero a comparativa é máis dura a medio prazo: un 29,2% menos que en 2021 e un 19,2% menos que en 2022.

2025 foi, ademais, a primeira anualidade do século en que a produción de mexillón quedou por baixo dos 178 millóns de quilos. Do total, o 77% destinouse á venda en fresco, a un prezo medio de 73 céntimos por quilo, mentres que o restante foi para a industria transformadora, a un valor de 61 céntimos. Gonzalo Rodríguez, profesor de Economía Aplicada da Universidade de Santiago e autor do capítulo, sinala que, malia o estancamento da produción, estes prezos son lixeiramente inferiores aos do ano anterior, sobre todo no caso da produción para conserva, que baixa cinco céntimos por quilo.

O profesor atribúe esta situación ao cambio climático, que "provocou unha caída da produción, que nos últimos tres anos se moveu en mínimos históricos"."

O marisqueo a pé perde 128 empregos nun ano e toca mínimo histórico

O marisqueo a pé volveu destruír emprego en 2025. Segundo os datos da Consellería do Mar, 128 persoas cesaron na súa actividade, pasando de 3.307 ocupados en 2024 a 3.179 en 2025, o que supón un mínimo na serie histórica. As licenzas de explotación desta tipoloxía reducíronse un 3,9% durante o exercicio, mantendo a tendencia dos últimos anos.

A perda de empregos concéntrase exclusivamente entre as mulleres, xa que aumentan as licenzas de marisqueo que teñen como titulares homes. Rodríguez considera que "é probábel que parte das persoas que se manteñen na actividade complementen ingresos con outras tarefas, o que, se ben permite capear a situación no curto e medio prazo, tamén pode acabar supoñendo un paulatino proceso de saída".

Por áreas, a ría de Arousa foi a máis afectada, con 85 mariscadores menos (-6%), seguida da ría de Vigo, que perdeu 15 (-4,5%); as rías da Coruña e de Ferrol, 16 (-7,1%); Cedeira, cinco (-15,7%), e a Mariña, tres (-7,5%). Pola contra, a actividade gañou 11 persoas na ría de Muros e Noia (+2%) e nove en Fisterra (+9,6%), e mantivo o mesmo emprego que en 2024 na de Pontevedra."

Unha década de caída estrutural que acelera desde 2020

Os datos de 2025 confirman a tendencia dos últimos exercicios. En 2010, un total de 4.123 persoas contaban cun permiso de marisqueo a pé nalgunha das áreas autorizadas; quince anos despois, a cifra redúcese en 944 persoas, o que supón unha caída do 22,9%. O proceso acelerouse na década actual: entre 2020 e 2025 destruíronse 545 empregos, un descenso do 14,7% que representa máis da metade dos postos perdidos nos últimos tres lustros.

A produción total de bivalvos tamén segue en caída libre. Pechou 2025 en 3,7 millóns de quilos, un 53% menos que a media da última década e un 71,9% menos que en 2019, cando marcou o pico histórico de 9,8 millóns de quilos. A ameixa xaponesa foi a principal produción, con 38,6% do total, pero a súa cifra tamén baixou dos 2,6 millóns de quilos de 2016 aos 1,4 millóns de 2025. O berberecho, segunda especie, caeu un 75% na última década.

Rodríguez alerta do impacto territorial e social: "A meirande parte das lonxas teñen unha evolución negativa ao longo dos últimos 10 anos", e as tres principais (Noia, Carril e Cambados) viron caer a súa produción, cun impacto maior en zonas como Noia, onde a dependencia do marisqueo é máis alta."