San Sadurniño lanza en setembro a súa comunidade enerxética con 17 tellados públicos e 609 kW de potencial
O Concello de San Sadurniño (Ferrolterra) ultima o lanzamento, previsto para setembro, da súa comunidade enerxética local, que nacerá como grupo de consumo eléctrico e aspira a desenvolver proxectos reais de xeración compartida en cubertas públicas e vivendas privadas. A iniciativa, que leva máis dun ano en preparación, presentou esta semana un novo borrador dos estatutos baixo a denominación definitiva de San Sadurniño Enerxía.

Unha asociación con directiva propia e vocación de permanencia
A veciñanza de San Sadurniño volveu amosar o seu interese por participar na asociación que dinamizará a comunidade enerxética, segundo explicou a concelleira de Axenda 2030 e participación cidadá, Raquel Piñeiro. O primeiro paso será constituír unha entidade con personalidade xurídica propia e unha directiva vinculada ao territorio, que comezará a funcionar como grupo de consumo eléctrico.
O obxectivo inicial é sumar o maior número posible de persoas usuarias para negociar colectivamente coas comercializadoras e distribuidoras tanto os prezos como os contratos de subministración, aproveitando a compra colectiva para conseguir as mellores condicións na revisión e reaxuste das facturas. A entidade quere, porén, ir máis alá: "Nun primeiro momento é necesario agregar demanda para favorecer o proceso de negociación colectiva como grupo de consumo, pero para o Concello é fundamental lograr unha comunidade enerxética que tenda á profesionalización", salientou Piñeiro, con capacidade real de xeración.
"É importante ter onde enchufarte e dispor duns quilowatts para repartir", engadiu a concelleira, que subliñou a necesidade de que os socios poidan participar ben agregando demanda, ben instalando fotovoltaica, ou ambas as cousas, segundo os seus intereses e posibilidades.
17 tellados municipais cunha capacidade estimada de 609 kW
O estudo de implantación preliminar identificou 17 tellados de edificios públicos con potencial para acoller instalacións fotovoltaicas, cunha capacidade estimada de 609 kW. O documento propón un núcleo inicial formado polo centro de empresas, a piscina municipal e as cubertas do campo de fútbol, cunha potencia conxunta de 99,3 kW e unha produción anual estimada de 96.878 kWh.
A concelleira explicou que xa dispoñen dun mapa xeral da localización dos tellados e do radio de acción de 2 km desde cada estación fotovoltaica, así como da capacidade de instalación de cada cuberta e do número de casas que se poderían beneficiar dela. Agora falta confirmar cantas persoas están realmente interesadas en sumarse ao proxecto.
A iniciativa contempla tamén pequenos proxectos colectivos como a compra de biomasa ou a colocación de puntos de luz, co obxectivo de reforzar o espírito comunitario da proposta e ofrecer vantaxes en termos de aforro económico e sostibilidade ambiental.
Un proxecto "aferrado ao territorio" que avisa contra expectativas irrealistas
O Concello traballa desde hai máis dun ano no desenvolvemento dunha comunidade enerxética "aferrada ao territorio", con capacidade para vencer as reticencias iniciais das posibles persoas usuarias e resistir o paso do tempo. A veciñanza xa participou en varias xuntanzas nas que unha vintena de persoas interesadas puideron coñecer as particularidades do modelo, resolver dúbidas e consultar unha primeira redacción dos estatutos.
Esta quinta feira, na Casa da Cultura, presentouse un novo borrador xa baixo a denominación final do proxecto, que contan lanzar definitivamente en setembro: San Sadurniño Enerxía. Para Piñeiro, o éxito da iniciativa depende en boa medida da transparencia do proceso de creación: "A enerxía comunitaria é moi disruptiva e é unha oportunidade que hai que aproveitar, pero estanse xerando expectativas que non son realistas".
A concelleira insistiu en que o aforro é un beneficio asociado, "pero non pode ser a única motivación para ser parte dunha comunidade enerxética. Se te metes, tes que crer de verdade nun proxecto comunitario, con intereses comúns. E isto leva tempo explicalo".



