empresas

A Coruña reúne a 600 profesionais nun congreso de mercadotecnia dixital centrado na IA

A novena edición da Raiola Marketing Conference (RMC) reuniu este sábado en PALEXCO (A Coruña) a 600 profesionais do marketing dixital, nunha xornada que tivo a intelixencia artificial (IA) como eixo central. O congreso, organizado por Raiola Networks, congregou a 15 relatores e contou coa participación de profesionais chegados de distintos puntos de Galicia e do resto de España.

Fotografía que ilustra la noticia: A Coruña reúne a 600 profesionais nun congreso de mercadotecnia dixital centrado na IA
(codigocero.com)

Un congreso que naceu para evitar desprazamentos dos profesionais galegos

A RMC foi concibida como un espazo de encontro para que os profesionais galegos do marketing dixital non tivesen que desprazarse fóra da súa terra para asistir a este tipo de eventos. Segundo explicou Álvaro Fontela, cofundador e director executivo de Raiola Networks, a empresa organizadora, a iniciativa responde á experiencia persoal dos promotores.

"Nós somos galegos e, durante anos, tivemos que desprazarnos fóra da nosa terra para asistir a este tipo de congresos. Precisamente RMC naceu para que un profesional galego non tivese que facelo", sinalou Fontela, quen destacou que "nove anos despois, comprobamos que o que viaxa é o de fóra".

Os datos avalan esa percepción: o 80% dos participantes proceden de fóra do municipio coruñés e máis dunha cuarta parte (o 26,8%) viaxa desde outros puntos de Galicia e do resto de España. Nas dúas edicións anteriores rexistráronse asistentes de 43 provincias, 132 municipios e dez países.

A IA como fío condutor da programación

A intelixencia artificial vertebrou todo o programa desta edición, cunha análise das súas aplicacións no traballo diario, o seu impacto no posicionamento web e o seu efecto no futuro profesional do sector. Fontela explicou que a IA "está a cambiar a unha velocidade enorme a forma de traballar de todo o sector", polo que consideraron importante "xerar un espazo para analizar eses cambios con xente que está na vangarda".

A xornada, que se desenvolveu de 9.00 a 20.00 horas, estivo conducida por Benlly Hidalgo, consultor e formador en mercadotecnia dixital especializado en psicomarketing e fundador de PostGradum University Education, e por Álvaro Fontela. O encontro puido seguirse tamén en streaming.

Ponencias da mañá: da IA á conversión en redes

A programación matinal arrincou con Miguel Florido, consultor de mercadotecnia dixital e director de Marketing and Web, que abordou as posibilidades da intelixencia artificial para optimizar o traballo dos profesionais, con especial atención a sete tarefas de márketing que, asegurou, "nunca volvería facer manualmente grazas á IA".

A continuación, Roxana Falasco, creadora de contido en YouTube e fundadora de VideoCursosOnline, puxo o foco no vídeo como ferramenta de negocio. Pola súa banda, Alvar González, xestor de contas en Hotmart, analizou as estratexias dos creadores que conseguen converter a súa audiencia en vendas, a partir dos datos da plataforma. O bloque pechouno Guille Bouzas, recoñecido por Forbes como número un en Social Media Marketing, cun relatorio sobre como converter o alcance en redes sociais en vendas reais.

Mesa redonda sobre SEO e sesión de tarde

Tras a pausa para o café celebrouse a mesa redonda "Actualidade SEO", con Luis M. Villanueva, cofundador e CEO do Grupo Webpositer; MJ Cachón, consultora SEO e fundadora da axencia LAIKA; Chuiso, experto en SEO e monetización en liña e creador da comunidade TeamPlatino; e Olga Ortega, consultora de posicionamento especializada en intelixencia artificial. O bloque matinal pechouno David Bonilla, cofundador de Pétalo e autor da Bonilista, coa súa intervención titulada "Vivir dunha audiencia de 1.000 persoas".

A sesión de tarde abriuse con Hugo López, cofundador de LeadMadness e especialista en embudes de venda, que falou sobre como crear "anuncios imposibles de ignorar". A continuación tivo lugar a segunda mesa redonda, dedicada ao emprendemento, con David Marchante, CEO do grupo Powerexplosive e fundador do Instituto de Rendemento Empresarial; Alejandro Novás, de Vivir de tu Pasión; e Ángel Pardo, de Metapro Academy.

Anna Pavlyuk, CEO de TuMadre Marketing e creadora de contido con máis de 120.000 seguidores, centrou a súa intervención nas claves para combinar viralidade e conversión en Instagram. O peche correu a cargo de Brais Moure, enxeñeiro de software e divulgador coñecido en redes como MoureDev, que expuxo a súa reflexión sobre como adaptarse a un escenario no que a intelixencia artificial está a redefinir perfís e oportunidades profesionais.