institucional

A EGAP programa 216 actividades formativas con 11.000 prazas para o persoal público en 2026

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) desenvolverá ao longo de 2026 un total de 216 actividades formativas, con 11.000 prazas destinadas ao persoal empregado público en materias como administración electrónica, protección de datos e calidade administrativa, segundo un informe avaliado o 14 de setembro polo Consello da Xunta.

Fotografía que ilustra la noticia: A EGAP programa 216 actividades formativas con 11.000 prazas para o persoal público en 2026
(codigocero.com)

Formación continua en TIC e novidades en intelixencia artificial

O programa anual da EGAP inclúe cursos sobre administración electrónica, intelixencia artificial, robotización, teletraballo e protección de datos. Entre as novidades figura unha formación centrada na aplicación práctica da Lei 2/2025 para persoas comisionadas de IA. No caso do teletraballo, abordaranse as ferramentas específicas e a xestión do tempo.

A oferta complétase coas actividades do Marco galego de competencias dixitais ComDix, orientadas á certificación do uso efectivo, seguro, crítico, creativo e cívico das tecnoloxías nos ámbitos persoal, social, educativo e profesional. Ao longo do ano desenvolveranse ata 47 actividades, con 5.300 prazas destinadas aos distintos colectivos do persoal empregado público.

Tres cursos superiores en áreas TIC

A oferta especializada inclúe tres cursos superiores relacionados coas TIC. O Curso superior en administración electrónica permitirá afondar na implantación desta ferramenta no sector público e no seu impacto na redución de trámites e tempos de espera para a cidadanía. O Curso superior en ciberseguridade ofrecerá unha visión global dos sistemas de información, das súas vulnerabilidades e das ameazas e riscos asociados ao seu uso, desde unha perspectiva xurídica, técnica e práctica. Pola súa parte, o Curso superior en protección de datos abordará os principios básicos de seguridade e as medidas necesarias para implantar nos sistemas de información e reducir os riscos.

Actividades divulgativas e colaboración coa AMTEGA

A programación inclúe tamén actividades divulgativas como os e-martes, deseñados para ofrecer formación práctica e dinámica sobre materias relevantes para a Administración ante os continuos cambios tecnolóxicos e normativos. Estas sesións combinan teoría e práctica para facilitar o manexo das principais aplicacións. Durante o primeiro semestre celebrouse unha xornada de formación práctica dixital sobre notificacións electrónicas, con 50 prazas.

A programación continuará con xornadas dedicadas ao uso de certificados electrónicos, aos sistemas de contratación pública e ao Rexistro electrónico na Xunta de Galicia. Tamén está prevista unha xornada sobre Xestión do coñecemento na era da intelixencia artificial, titulada Retos para as administracións públicas, e unha conferencia sobre Alfabetización dixital dos empregados públicos.

A EGAP e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) colaboran desde 2018 a través de convenios anuais que permiten organizar actividades de formación para o persoal empregado público. O obxectivo é contribuír a unha Administración máis eficaz e eficiente, con mellores servizos á cidadanía, maior transparencia na xestión, máis axilidade na tramitación e unha maior accesibilidade.